Santiago, 3 de maio de 2017.- O deputado do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, defendeu hoxe no Parlamento que o Banco de España “indague sobre as prácticas financeiras inadecuadas que se poden estar producindo no noso país e poña os medios ao seu alcance para evitalas, protexendo, deste xeito, os dereitos da cidadanía galega cando utiliza os servizos financeiros”.
Gonzalo Trenor lembrou que “coa crise saltaron as alarmas sobre o mal funcionamento dos organismos reguladores” e lamentou que “durante moito tempo non se fixo nada en relación con estes organismos”. En concreto, dixo que “se permitiu a comercialización masiva de hipotecas con cláusulas abusivas, moitas familias foron botadas das súas casas, houbo unha expansión absurda das oficinas bancarias ou se multiplicou o risco bancario”.
MELLORAR A PROTECCIÓN DO CLIENTE
“O Partido Popular apostou por mellorar a protección do cliente bancario actuando en todos e cada un dos espazos”, salientou o deputado popular, quen salientou que “se mellorou a normativa prudencial e de solvencia bancaria, o dereito xeral de protección ao consumidor, a normativa bancaria de protección ao cliente e o entramado institucional de resolución de conflitos”.
Ademais, sinalou que se incrementou o capital e a solvencia das entidades financeiras, mellorouse a información sobre os riscos dos produtos financeiros e o asesoramento, fíxose a reestruturación bancaria, aprobouse o código de boas prácticas para frear os desafiuzamentos e estableceuse o procedemento extraxudicial gratuíto para axilizar a devolución das cláusulas chan.
Trenor indicou que “todas estas medidas adoptadas non chegan e aínda temos que ir máis alá”. Neste sentido, fixo referencia á creación dunha autoridade independente de protección ao consumidor e inversor financeiro, que reforce e unifique os servizos de reclamacións, estableza contratos tipo de servizos financeiros para minoristas e supervise as compañías de auditoría para recuperar a confianza nelas”.