Santiago, 24 de xaneiro de 2017.- O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Martín Fernández Prado, demandou hoxe “coherencia” aos grupos da oposición para manter a unidade presente na proposición de lei asinada por todos os deputados galegos reclamando a transferencia da AP-9.
Fernández Prado sinalou que a proposición non de lei defendida esta tarde no Parlamento polo BNG “vai en contra dos últimos pasos dados por unanimidade neste Parlamento, ao tempo que as medidas propostas non axudan ao obxectivo unánime de conseguir o traspaso da AP-9”.
ENREDAR O DEBATE
En concreto, considerou que a interposición dun recurso ante o Tribunal Constitucional “o único que faría neste momento é enredar o debate, retrasando ou incluso paralizando a posible tramitación polo Congreso da nova proposición de lei”.
“Non convén rachar o consenso manifestado polos catro grupos do Parlamento galego e comezar a divagar e coller novos rumbos que desvirtúen e enreden o verdadeiro debate”, sinalou o portavoz popular.
En concreto, Martín Fernández explicou que este posible recurso que propón o BNG “podería ser utilizado como argumento para, agardando a súa contestación, non tramitar a nova proposición de lei”, polo que considerou “máis axeitado non afondar nas diferenzas coa Mesa do Congreso dos Deputados”.