Santiago, 12 de abril de 2018.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez, defendeu hoxe no Parlamento que a Xunta dote ao servizo de urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago dos medios materiais e humanos necesarios para a correcta atención das persoas usuarias, así como dos reforzos precisos de persoal en circunstancias de incremento da demanda.
Aurelio Núñez lembrou “o compromiso de reforzo de medios materiais e humanos segundo as necesidades por parte da Xerencia do CHUS, sempre co obxectivo de garantir a correcta asistencia das persoas que acoden ao servizo de urxencias”.
Na súa intervención, o portavoz popular subliñou que a ratio de pacientes por facultativo “cumpre o establecido a nivel nacional e europeo”. Así mesmo, respecto do sistema de triaxe de urxencias, apuntou que “o tempo medio de atención polo facultativo é de 47 minutos”.