Santiago, 3 de maio de 2017.- A deputada do Grupo Popular Cristina Romero salientou esta mañá no Parlamento que o actual Goberno galego “conseguiu reducir o remanente dos fondos de compensación interterritorial (FCI) nun 93 por cento, ao pasar de 182 millóns de euros pendentes de executar en 2009 a menos de 13 millóns en decembro de 2016”.
Cristina Romero explicou que a execución orzamentaria dos FCI do anterior Goberno bipartito oscilou entre o 35,6 por cento de 2006 e o 49,9 por cento do 2009, deixando un remanente de 182 millóns de euros sen executar.
DO 77 AO 83 POR CENTO EXECUTADO
“Porén, co actual Goberno galego, no 2015 certificouse un 77,23 por cento dun importe total de 136 millóns de euros; e no 2016 a porcentaxe de certificación ascendeu ao 83 por cento dunha dotación de 76 millóns de euros”, sinalou a deputada popular.
Romero explicou que a falta de execución orzamentaria das partidas de FCI nun ano “non supón unha perda de recursos para a comunidade autónoma, xa que o financiamento pendente de executar incorpórase ao seguinte exercicio orzamentario”.
Na súa intervención, manifestou que “existen múltiples motivos que retrasan ou modifican os prazos previstos para a execución dos fondos de compensación interterritorial, como a plurianualidade de moitas actuacións; a modificación de proxectos que inicialmente se prevén financiar con estes fondos; as baixas nas licitacións e a necesidade de reasignar as dotacións dos proxectos; ou a aplicación de normas específicas que inflúen no ritmo de execución dos proxectos”.