Santiago, 5 de outubro de 2017.- O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, presentou esta mañá as 40 propostas de resolución rexistradas por este grupo parlamentario no Debate sobre o Estado da Autonomía, nas que se incide na defensa da Constitución e da democracia en España, ao tempo que se demanda a reforma da Lei electoral, a retirada da simboloxía franquista, a chegada do AVE a Galicia en 2019, a transferencia da AP-9 ou a tramitación da modificación da Lei de Saúde.
Acompañado das viceportavoces do Grupo Popular, Paula Prado e Marta Rodríguez, Tellado realizou unha breve valoración do Debate do Estado da Autonomía, constatando que en Galicia «existen dúas realidades políticas ben distintas». «Dunha parte, temos a un Goberno, coa maioría parlamentaria que o sustenta, que ten un balance para presentar e unha folla de servizos impecable para Galicia e un proxecto de futuro», subliñou, para confrontalo cunha oposición que «descolocada e desnortada que non ten proxecto nin futuro».
FEIJÓO FALOU CLARO
Neste sentido, quixo cualificar de «ilusionante» o discurso do presidente Alberto Núñez Feijóo, do que valorou que “falou claro sobre o contexto actual, presentou os resultados de todos estes anos de goberno e comprometeu medidas concretas a curto e longo prazo”.
Respecto das propostas de resolución presentadas polo Grupo Popular, Tellado asegurou que “nacen e beben dos anuncios que fixo onte o Presidente da Xunta” e agrupounas en cinco grandes apartados.
En primeiro lugar, figura o relativo a institucional e o respecto á Constitución, “de gran importancia pola actualidade política e social que estamos a vivir”. En concreto, e á marxe de solicitar a modificación da LOREG para que goberne a lista máis votada en cada municipio, o Grupo Popular propón adhesión do Parlamento ao discurso formulado o pasado martes polo Xefe do Estado no que demanda o cumprimento da orde constitucional; avoga pola convivencia democrática dentro do marco legal, condenando todo tipo escraches que menoscaban as liberdades e dereitos das persoas; manifesta a solidariedade e respaldo á Policía Nacional e á Garda Civil no seu labor de defensa e protección dos dereitos e liberdades; solicita a elaboración dun plan para eliminar os elementos de exaltación do franquismo que subsisten en Galicia.
As propostas demandan ademais, un reforzo do apoio aos galegos da diáspora, e en particular dirixirse ao Goberno de España para que exhorte ao Goberno de Venezuela a asumir as súas responsabilidades cos galegos e galegas que residen neste país; así como evitar as duplicidades nas actuacións entre as administracións públicas.
ECONOMÍA E EMPREGO
Un segundo apartado de propostas está relacionado coa economía e o emprego. Nel, o Grupo Popular solicita, entre outras cuestións, aprobar un plan de estabilidade do emprego público autonómico co obxectivo de ofertar nesta lexislatura máis de 14.000 prazas; reformar tanto o sistema de obradoiros de emprego como o propio Servizo Público de Emprego para mellorar a inserción laboral das persoas desempregadas en Galicia; racionalizar os horarios e conciliación da vida laboral, persoal e familiar; novas deducións fiscais en terras e bens rústicos desaproveitados, en Sociedades de Xestión Forestal, en rehabilitación de inmobles ou posta en marcha de actividades económicas nos cascos históricos, e nas relacionadas coa compra de solo industrial nas que interveñan as administracións públicas; e o mantemento da política de rigor e control da débeda pública por parte da Administración galega
As propostas de resolución do Grupo Popular tamén van dirixidas á mellora das infraestruturas e a ordenación do territorio. Para isto, solicítase o cumprimento de que o AVE a Galicia estea funcionando en probas en 2019, avanzando nas conexións internas comprometidas: AVE a Lugo, AVE Ourense-Vigo, variante de Ourense e mellora da conexión a Ferrol; o impulso das estacións intermodais; o mantemento da demanda da transferencia da AP-9; mellorar a seguridade viaria nas estradas de titularidade autonómica; levar a cabo os axustes solicitados no Plan de Transporte Público de Galicia e o cumprimento das cláusulas sociais e laborais acordadas cos sindicatos; desenvolver unha Lei de Ordenación do Territorio e unha Estratexia de Protección da Paisaxe; e impulsar a contratación pública verde.
SECTORES PRODUTIVOS
Un novo grupo de propostas refírense aos sectores produtivos galegos e nelas demándase fomentar a comercialización dos produtos galegos de calidade, en especial os ecolóxicos; traballar para minimizar o impacto do BREXIT no noso sector pesqueiro; seguir impulsando o sector turístico galego, coa vista posta na próxima celebración do Xacobeo 2021; ou demandar un traballo conxunto de todas as administracións públicas para conseguir que Cíes-Illas Atlánticas e a Ribeira Sacra sexa declaradas pola Unesco como Patrimonio da Humanidade.
Por último, o Grupo Popular rexistrou un grupo de propostas de resolución relativas a servizos públicos, nas que se solicita a presentación da reforma da Lei de Saúde, que blinda os hospitais comarcais e achega os servizos sanitarios ao paciente; apóstase pola actualización constante do modelo educativo galego, en especial a Formación Profesional co impulso do “Campus FP” para coordinación e fomento das relacións entre a formación e as empresas; fíxase o obxectivo de conseguir o vindeiro ano 60.000 dependentes atendidas; a mellora das bonificacións nas garderías infantís, a ampliación da “Tarxeta Benvida” ata os tres anos ou co incremento do permiso de maternidade ata as 22 semanas; a ampliación dos programas de vivenda para familias vulnerables, demandando aos concellos que se sumen ao Programa de Vivendas Baleiras da Xunta; o incremento de prazas públicas de emprego para persoas con discapacidade intelectual; avanzar na loita contra a violencia de xénero e na atención ás vítimas; e que a Xunta deixe de patrocinar calquera evento deportivo no que os premios polos mesmos postos e categorías teñan diferenza de contía entre a competición masculina e a feminina
Miguel Tellado ofreceu aos grupos da oposición “a mellor das vontades para chegar a acordos e consensuar as propostas de resolución”. “Desde o consenso somos máis fortes e ese diálogo é o que nos reclaman os galegos para facer de Galicia un espazo de convivencia, no que se cree emprego e esteamos ao servizo dos cidadáns”, engadiu.