Santiago, 15 de marzo de 2018.- A portavoz de Asuntos Sociais, Marta Rodríguez Arias, lamentou hoxe “a frivolidade coa que os socialistas están a tratar as obras de mellora do centro de menores de Montealegre en Ourense, que seguirá pertencendo á rede pública de atención a menores de Galicia”.
Rodríguez Arias explicou que a Xunta “decidiu pechar temporalmente o centro de menores de Montealegre para facer obras por máis de 1,5 millóns de euros, cuxa execución era incompatible co seu normal funcionamento”. “Non se trata dunha reapertura do centro como o que había anteriormente, senón dun novo centro que dea resposta ás necesidades reais e actuais dos menores”, apuntou.
XESTIÓN POR ENTIDADE DO TERCEIRO SECTOR
Na súa intervención, a portavoz popular criticou que os socialistas “estean a falar que a Xunta quere dar negocio a unha empresa amiga, cando a realidade é que existe un proceso de contratación pública para a xestión deste centro por parte dunha entidade do terceiro sector”.
Marta Rodríguez explicou que a rede pública de atención a menores de Galicia é un servizo público, cuxos centros poden estar xestionados ben directamente pola Xunta de Galicia ou por empresas pertencentes ao terceiro sector. “No caso do centro de Montealegre, estamos a falar dun centro xenérico destinado ao acollemento de menores tutelado pola Xunta, pero que neste momento non cumpría as condicións mínimas de atención, polo que se decidiu realizar estas obras de acondicionamento”, indicou