Santiago, 20 de marzo de 2018.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, lamentou hoxe no Parlamento que tanto En Marea como PSOE “pecharan calquera vía posible para chegar a un acordo en materia de igualdade e loita contra a violencia de xénero, evitando consensuar aquelo no que coincidimos e deixando a un lado as posturas máis enfrontadas”.
Paula Prado demandou “consenso” entre todas as formacións políticas presentes no Parlamento, porque “só acabaremos coas actitudes violentas cando os agresores perciban que non teñen espazo nin cabida na sociedade e que existe unidade de todos e todas para acabar coa desigualdade”.
MÁIS ALÓ DOS GRUPOS DA OPOSICIÓN
Deste xeito, o Grupo Popular defendeu sendas emendas en materia de igualdade e violencia de xénero “con propostas realistas e útiles”, que os grupos da oposición rexeitaron consensuar “a pesar de que moitos puntos ían moito máis aló do que eles pretenden”. Porén, Prado anunciou que “recolleremos estas medidas nunha proposición non de lei para o seu futuro debate neste Parlamento”.
No ámbito da loita contra a violencia de xénero, Paula Prado avogou pola creación dun subgrupo técnico de traballo dentro do Observatorio Galego da Violencia de Xénero, sobre a prevención, sensibilización, detección e información sobre as violencias sexuais. Este subgrupo, do que formarán parte todas as administracións, colectivos e asociacións especializadas, elaborará un protocolo de acoso sexual para difundir e por en marcha nas empresas galegas.
ATENCIÓN ESPECIALIZADA E MACROENQUISA
Así mesmo, o Grupo Popular demandou seguir ofrecendo atención especializada ás vítimas de violencia de xénero, entre
as que se inclúen as vítimas de violencias sexuais; así como elaborar unha macroenquisa galega sobre a incidencia da violencia de xénero ao longo do ciclo da vida das persoas.
Tamén se pide levar adiante un programa específico para o persoal da administración pública en materia de prevención do acoso sexual; incluír a información referida ás violencias sexuais dentro do Informe anual de seguimento da Lei Galega para a Prevención e o Tratamento Integral da Violencia de Xénero; e incrementar no vindeiro exercicio orzamentario o presuposto consignado á igualdade de xénero, así como a prevención e intervención no ámbito da loita contra a violencia de xénero.
MULLER E CIENCIA
Por outra banda, e dentro do marco do Pleno da Unidade de Muller e Ciencia da Xunta de Galicia, a portavoz de Igualdade do Grupo Popular, Marián García Míguez, propuxo a actualización e modernización da páxina web da Unidade de Muller e Ciencia; desenvolver novas accións de recoñecemento das mulleres do ámbito científico-tecnolóxico e da innovación, a través da colaboración coas universidades galegas e a ampliación de accións de información e de sensibilización, principalmente no ámbito educativo; e continuar coa realización de estudos en torno á incorporación das mulleres ás profesións relacionadas coas ciencias, as tecnoloxías, as enxeñerías e as matemáticas.
Ademais, pediu que a Axencia Galega de Innovación (GAIN) realice unha análise pormenorizada dos métodos de avaliación das axudas públicas á innovación para detectar que se pode mellorar para impulsar máis intensamente a presenza das mulleres nas actividades de innovación que se realizan en Galicia por parte das empresas.