Santiago, 17 de novembro de 2017.- O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Martín Fernández Prado, demandou hoxe no Parlamento que a Xunta avalíe a viabilidade e someta á Comisión de seguimento da área de transporte metropolitano de Santiago a inclusión do concello de Noia.
Martín Fernández sinalou que “a Xunta traballa para dotar aos veciños de Noia de mellores equipamentos e servizos de transporte”. Neste sentido, lembrou o próximo remate das obras da estación de autobuses, que supuxeron un investimento de 180.000 euros ou a posta en marcha, dentro da primeira fase do Plan de Transporte Público de Galicia, de 6 liñas de transporte na área de Noia, tres delas na modalidade de transporte escolar compartido.
PROCEDEMENTO ADMINISTRATIVO
“Agora, para avanzar na incorporación de Noia ao transporte metropolitano de Santiago, é necesario completar un procedemento administrativo e técnico, que non depende unicamente da Xunta senón tamén dos concellos implicados”, explicou.
Neste sentido, asegurou que “a Xunta está a estudar a solicitude do concello de Noia e doutros municipios para a súa integración no transporte metropolitano e a súa vontade é facer todo o posible por atendelas de forma máis beneficiosa e satisfactoria para os cidadáns”.
Fernández Prado apuntou que a solicitude, unha vez realizados os estudos do que suporía a incorporación de Noia ao trasporte metropolitano de Santiago desde o punto de vista técnico e económico, “deberá someterse ao ditame da Comisión de seguimento do Plan, que é o órgano que debe decidir a demanda deste concello”.