Santiago, 21 de marzo de 2018.- A deputada do Grupo Popular María Antón Vilasánchez avogou hoxe no Parlamento por “deixar traballar á Comisión de expertos para elaborar un estudo xurídico co obxectivo de incorporar ao patrimonio público a propiedade do Pazo de Meirás, respectando os seus tempos, facilitando a súa labor e apoiando as súas conclusións por parte de todos os membros da Cámara galega”.
María Antón lembrou que esta Comisión de expertos constituíuse o pasado mes de novembro cumprindo un mandato do Parlamento galego, co obxectivo de analizar as posibilidades e determinar os mecanismos para que o Pazo de Meirás se incorpore ao patrimonio público sen que supoña un custe económico para os galegos. Está presidida polo catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago, Xosé Manoel Núñez Seixas, e conta con representantes da Xunta, das tres universidades, do Colexio de Notarios, do Colexio de Rexistradores, do Concello de Sada e da Deputación Provincial de A Coruña.
“É unha comisión ampla, plural e diversa, en voces e ámbitos, onde cada institución participante designou libremente ao seu representante e libremente están traballando, sen directrices nin indicacións e con todos os medios ao seu dispor”, asegurou a deputada popular.
Deste xeito, demandou “respecto” ao traballo desta comisión de expertos para “ter un informe completo que indique cales son as accións pertinentes que se deberán exercitar para que as Torres de Meirás pasen a ser de dominio público”. “O noso obxectivo ten que ser ese, pero non como un obxectivo político partidista, se non como un obxectivo político colectivo de país”, apuntou.
NON PODEMOS ERRAR
María Antón fixo “unha chamada á calma” aos grupos da oposición, porque “no momento que se decidan exercitar as accións legais no podemos errar”. “Sería catastrófico emprender un camiño que non nos conduza ao éxito e á consecución do obxectivo de acadar para o público o Pazo de Meirás”, dixo.
A deputada popular considerou “unha actitude moi positiva” que a Deputación de A Coruña poña a disposición da Comisión de Expertos toda a información e documentación que posúe sobre o Pazo de Meirás. Neste sentido, indicou ao representante do BNG que “se considera que este informe da Deputación é a vía a seguir para exercitar accións legais, anime aos seus compañeiros nesta institución a interpoñer as accións legais que consideren oportunas, xa que a Deputación tamén está lexitimada para iniciar procedementos legais sobre este asunto”.
Neste sentido, manifestou que “o lóxico é que as directrices que se sigan neste proceso saian do informe do Comité de Expertos, que poderá coincidir ou non con outros informes realizados”, pero convidou a todos os grupos do Parlamento a “aceptar sen fisuras os resultados do traballo da Comisión de Expertos”.