Santiago, 13 de decembro de 2017.- O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, pediu “seriedade e rigor” á oposición para falar de emigración e lembroulle que moitas das peticións que realizan xa están sendo abordadas polo Goberno galego nos últimos anos.
“Vostedes nin escoitan nin queren escoitar o que fai a Xunta”, subliñou Tellado, para poñer enriba da mesa as axudas que ten en funcionamento o Goberno galego desde 2012 tanto para o apoio ao emprendemento dos emigrantes retornados como para a súa volta á Comunidade galega.
BOLSAS DE EXCELENCIA
Do mesmo xeito, puxo en valor o feito de que o propio presidente Feijóo anunciase no debate de investidura a convocatoria de novas Bolsas de Excelencia para a Mocidade no Exterior para captar talento estudantil e emprendedor
.O viceportavoz reprochou o “catastrofismo” dos partidos da oposición nesta materia e apuntou que “Galicia foi en 2015 a Comunidade con menor taxa de emigración e da que saen menos mozos en proporción ao total de xente nova”. Neste sentido, lembrou que desde 2009 ten un saldo migratorio positivo e que foi durante os anos do Goberno bipartito cando máis traballadores saíron de Galicia en toda a serie histórica.
Tellado ironizou co feito de que a primeira moción que presenta o BNG no Parlamento esta lexislatura sexa un Plan Retorna, que tachou de “copia” dun da Junta de Andalucía en vigor desde o ano pasado. “É curioso que un nacionalismo dunha comunidade histórica quede reducido a seguir a un rexionalismo socialista”, concluíu.