Santiago, 2 de xaneiro de 2017.- O Grupo Popular pretende, a través de emendas ao proxecto de Lei de medidas fiscais, administrativas e de ordenación para 2017, que as medidas provisionais de ordenación urbanística que aproben os concellos co seu plan xeral anulado xudicialmente se manteñan en vigor só se estes concellos cumpren o compromiso de ter presentado o borrador da nova ordenación urbanística no prazo de un ano, telo aprobado inicialmente en dous anos e telo aprobado provisionalmente en tres anos.
O obxectivo destas emendas é que a aprobación das medidas de ordenación provisional sirvan de impulso á tramitación do planeamento, dotando de certeza e seguridade xurídica á cidadanía e aos operadores no eido urbanístico. Deste xeito, evitarase que se paralice a actividade urbanística daqueles ámbitos do municipio que teñan alcanzado xa un elevado desenvolvemento urbanístico.
As emendas do Grupo Popular ao título do proxecto de Lei dedicado ás medidas provisionais de ordenación urbanística buscan reforzar a súa excepcionalidade e a transparencia. En primeiro lugar, impóñense uns prazos taxados de tramitación do novo Plan Xeral como requisito non só para que os concellos poidan aprobar os instrumentos provisionais, senón tamén para o mantemento da súa vixencia. En concreto, os concellos deberán cumprir o compromiso de presentar o borrador do novo PXOM no prazo de un ano, telo aprobado inicialmente en dous anos e telo aprobado provisionalmente en tres anos.
Ademais, o Grupo Popular propón a exclusión deste trámite excepcional da ordenación correspondente a calquera ámbito do planeamento anulado que se pretenda recuperar e que necesite dunha avaliación ambiental estratéxica ordinaria; ao tempo que se incorpora a obriga de publicación destas ordenanzas provisionais.
FUNCIÓN PÚBLICA
Por outra banda, as emendas do Grupo Popular ao proxecto de Lei de medidas clarifican determinados artigos relativos ao réxime da función pública en materia de comisións de servizos ou permisos e blindan legalmente a necesidade de que todo desenvolvemento destes novos artigos que afecte ás condicións de traballo dos empregados públicos deba ser negociado coas organizacións sindicais.
Outro dos ámbitos no que inciden as emendas do Grupo Popular é o I+D, mellorando artigos da norma sobre o efecto tractor que o sector público galego debe ter no seu desenvolvemento e na optimización da prestación dos servizos públicos.
En concreto, esténdese o ámbito de aplicación dun artigo do proxecto de Lei, inicialmente enfocado ao I+D sanitario, a todos os eidos do sector público autonómico mediante dous artigos que regularán tanto o papel das achegas de fondos privados aos proxectos innovadores liderados pola administración como o reinvestimento dos beneficios obtidos por eses proxectos no financiamento de novas iniciativas innovadoras.
Ademais, garántese que todos os proxectos de I+D encabezados por calquera consellería ou ente do sector público autonómico deban ser informados pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), coa fin de asegurar a súa coherencia co Plan galego de investigación e innovación e coa Estratexia de especialización intelixente RIS3.
TRANSPORTE NO RURAL
Por último, o Grupo Popular emenda o proxecto de Lei de medidas para que as empresas titulares de contratos de xestión de servizos públicos de transporte poidan subcontratar a prestación de servizos con vehículos de ata nove prazas con taxistas co obxectivo de mellorar o servizo que se presta nas zonas do rural galego.
Esta emenda recolle o acordo acadado entre representantes dos sectores do autobús e do taxi, logo da xuntanza mantida coa propia conselleira de Infraestruturas, co obxectivo de garantir unha prestación do servizo de transporte regular con maior eficiencia e sostenibilidade ambiental ao permitir a utilización de vehículos de menor capacidade que se adapten á demanda existente, especialmente nas zonas rurais con baixa densidade de poboación.