Santiago, 15 de febreiro de 2017.- O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, reiterou hoxe no Parlamento que Augas de Galicia non recepcionará a estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Ribeira ata que se solucionen efectiva e definitivamente os problemas detectados na actual fase de probas, que rematan o vindeiro mes de setembro.
Gonzalo Trenor sinalou que Augas de Galicia “está vixiante para que por parte da promotora das obras da EDAR se tomen as medidas necesarias que permitan que a nova depuradora de Ribeira entre en servizo e preste un servizo correcto aos 30.000 veciños deste concello”.
En concreto, explicou que esta fase de probas na que se atopa a EDAR ten como fin comprobar se a rede e a depuradora funcionan correctamente, ao tempo que se subsanan as posibles problemáticas que se presenten. Trenor afirmou que a Xunta “é coñecedora de que por parte da promotora se están adoptando medidas tanto para solucionar os problemas de cheiro, como no axuste hidráulico das instalacións”.