Santiago, 17 de outubro de 2017.- O Grupo Popular sacou hoxe adiante a Lei de Implantación de iniciativas empresariais sen o apoio da oposición. Na súa intervención, o viceportavoz Miguel Tellado reprochoulle ao resto de grupos do Parlamento que “o seu único proxecto é intentar que Galicia se pare”.
Neste sentido, tamén lamentou que a esquerda “criticou profundamente esta Lei sen coñecela, porque asumen que calquera decisión que sexa boa para a nosa economía, será mala para eles”.
Miguel Tellado insistiu en que este texto parte do convencemento de que “a administración non pode ser unha fábrica de trabas á actividade económica, senón un facilitador da mesma”. Neste sentido, apuntou que a normativa actúa sobre algún dos puntos que fan de Galicia un territorio menos competitivo para a atracción de empresas ca outros do noso entorno, como por exemplo as restricións normativas, o tempo para o inicio dunha actividade, ou o número de procedementos para poñer en marcha unha empresa. Sobre isto, tamén lle afeou á oposición que presentase a maior parte das súas emendas “para ir contra o espírito dunha Lei que pretende axilizar os prazos e reducir burocracia”.
O viceportavoz popular fixo un repaso sobre algunha das novidades que implicará a posta en marcha da nova normativa, e subliñou algunha como a integración dos procedementos ambientais, a mellora nas condicións da concesión do solo industrial, o desenvolvemento da urbanización parcial dos polígonos, o incremento de incentivos económicos para as empresas que escollan Galicia para instalarse ou o diálogo cos concellos para que alivien a carga fiscal das novas empresas que se instalen no seu territorio.
LEI TAMÉN DOS SOCIALISTAS
Por outra banda, Tellado tamén se laiou de que os socialistas votasen en contra desta Lei porque “tamén é súa”, xa que os populares aceptaron incorporar numerosas emendas e transaccións do seu grupo. Do mesmo xeito, celebrou que a través da Federación Galega de Municipios e Provincias (cun presidente do PSdeG) os concellos se adherisen ao convenio Doing Business da Xunta para axudar á captación de empresas.
“Fronte a aqueles que din non a todo, que queren rachar con todo, que queren pechar empresas e acabar coas nosas institucións, en Galicia volvemos dicir si ao crecemento, ao emprego, á actividade económica e á estabilidade institucional”, manifestou.