Santiago, 2 de marzo de 2017.- O deputado do Grupo Popular, Daniel Vega, salientou hoxe a formación que a Xunta de Galicia ofrece para os gandeiros, subliñando que “este mesmo ano porase en marcha a teleformación na aula de formación online da Consellería do Medio Rural, na que se ofertará formación cunha estrutura modular para as distintas orientacións produtivas, así como de coñecementos xenéricos do sector”.
Daniel Vega afirmou que tanto desde o Goberno galego como desde o Partido Popular “apostamos pola formación no rural” e mostra disto é a aposta pola teleformación, “que seguirá convivindo coa oferta de formación presencial que se veñen dando nos centros de formación e experimentación agroforestal da Consellería”.
FORMACIÓN DIVERSA
En concreto, os gandeiros galegos poden acceder nestes centros a actividades formativas en materia de empresa agraria, xestión técnico-económica, asociacionismo, comercialización, relacións laborais, prevención de riscos laborais, sensibilización ambiental, agrotecnoloxía, produción de forraxes, produción de leite ou manexo de gando.
O deputado popular explicou que a Consellería mantén contacto permanente “con todos os axentes involucrados na cadea de valor, como a industria, a distribución, as cooperativas ou as organizacións sindicais agrarias, así como o Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite, o Centro de Control Leiteiro e a Universidade, co obxectivo de analizar as novas necesidades formativas dos nosos gandeiros”.