Santiago, 9 de febreiro de 2017.- A deputada do Grupo Popular Encarna Amigo salientou hoxe no Parlamento que “o Libro Branco dos servizos de emerxencias médicas en España cualifica o modelo galego como o máis axeitado para unha comunidade coas características de Galicia”. “Ademais, o 061 é o servizo máis valorado polos galegos de entre todos os que ofrece o Servizo Galego de Saúde, cunha porcentaxe do 98,9 por cento dos usuarios que volverían a empregar o servizo en caso de necesidade”, engadiu.
Encarna Amigo indicou que a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 “é referente a nivel estatal en canto aos medios técnicos cos que conta, a profesionalidade do seu persoal, así como a resposta que ofrece a súa poboación”. Deste xeito, explicou que “para garantir a mellor asistencia posible a toda a poboación galega, tivéronse en conta a distribución asimétrica da poboación, a estrutura sanitaria galega, as características orográficas, a rede viaria e as características meteorolóxicas”.
Na actualidade, a rede de transporte sanitario urxente xestionada polo 061 está formada por dous helicópteros medicalizados, 11 ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado e 106 ambulancias asistenciais de soporte vital básico.
DOS MELLORES TEMPOS DE RESPOSTA
“Os tempos de resposta son dos mellores de España, tal e como se pode comprobar no estudo de benchmarking realizado entre todos os servizos de emerxencias médicas de España”, salientou a deputada popular, quen apuntou que estes tempos de resposta conséguense “aínda en situacións de aumentos de demanda estacionais, polo que a cidadanía galega pode sentirse orgullosa do seu servizo de emerxencias sanitarias”.
Respecto das ambulancias de apoio, Amigo lembrou que se utilizan desde a posta en marcha da primeira rede de transporte sanitario urxente en Galicia en 1998, tratándose tanto de ambulancias asistenciais de soporte vital básico como de ambulancias convencionais. Porén, indicou que “desde o ano 2010 a utilización deste tipo de recursos vén diminuíndo de forma notable, realizando este tipo de ambulancias só o 4,7 por cento dos servizos de transporte sanitario”.