Santiago, 15 de xaneiro de 2018.- O Grupo Popular vén de rexistrar unha proposición non de lei a través da que se solicita o apoio do Parlamento galego á figura da prisión permanente revisable incorporada ao ordenamento xurídico español pola Lei Orgánica 1/2015 que se modifica o Código Penal. O portavoz popular, Pedro Puy, manifestou que “as persoas que cometan determinados crimes de especial importancia non deben volver á sociedade ata que estean rehabilitadas”.
Puy explicou que o Partido Popular está a promover iniciativas, tanto a nivel do Congreso dos Deputados, como nos parlamentos autonómicos e nos concellos, a través das que se solicita o mantemento da prisión permanente revisable.
RECONSIDERAR A POSTURA
A iniciativa rexistrada no Parlamento galego polo Grupo Popular insta aos diferentes grupos parlamentarios con representación no Congreso dos Deputados a que reconsideren a súa postura sobre a derrogación da prisión permanente revisable, logo de que se aprobara unha proposición non de lei e se admitira a trámite unha proposición de lei que pretenden derrogar este instrumento penal, co único voto en contra do Grupo Popular .
O portavoz popular explicou que “as penas xudiciais teñen unha función preventiva”, co obxectivo de “resocializar ás persoas que cometen un delito”. Deste xeito, incidiu que “en determinados crimes que teñen unha especial importancia, como abusos sexuais que van acompañados de asasinato, accións que afectan a menores ou delitos de terrorismo, as persoas que os cometen non deben volver á sociedade ata que estean rehabilitadas”.
Pedro Puy informou, ademais, que o Grupo Popular está a actualizar as súas iniciativas parlamentarias. Así, ademais desta referida á prisión permanente revisable, ten rexistrado outras proposicións non de lei relacionadas coa defensa do sector pesqueiro galego no marco europeo diante das negociacións do Brexit ou para a defensa da súa seguridade en augas internacionais; a preservación do patrimonio cultural presente no Centro Galego de Bos Aires; ou afondar noutras actuacións en relación coa igualdade e sensibilización coa violencia de xénero.
CUMPRINDO OS PRAZOS DO AVE
Cuestionado sobre o posible atraso das obras do AVE a Galicia de non aprobarse os orzamentos do Estado para 2018, Pedro Puy lembrou que, segundo as afirmacións feitas polo propio ministro de Fomento, que “se están a cumprir os prazos e todo apunta que en 2019 poderán comezar as probas na liña”.
Porén, manifestou que “todo novo gasto que non estea cuberto polos orzamentos vixentes conleva unha paralización”, polo que “entendemos que todo o que sexa non aprobar uns orzamentos que inclúan a execución desta obra é negativo e podería retrasala aínda máis, do mesmo xeito que todas as demais obras que o Estado está realizando en toda España”.