Santiago, 21 de abril de 2018.- O Grupo Popular vén de presentar unha proposición non de lei a través da que se solicita á Xunta que dea prioridade nas axudas públicas e na cesión dos montes veciñais en grave estado de abandono a aquelas comunidades de montes que cumpran a totalidade das súas obrigas legais e dispoñan dun instrumento de ordenación ou xestión forestal para os seus montes.
O portavoz do Medio Rural, José González Vázquez, asegurou que o PPdeG apoia a figura das comunidades de montes, pero “deben establecerse criterios que favorezan que cumpran escrupulosamente coas súas obrigas legais, sobre todo no que se refire á ordenación e xestión dos seus montes e no reinvestimento no monte das porcentaxes de ingresos determinados pola lei”.
MONTE CORRECTAMENTE XESTIONADO
“Non podemos compartir a posición de quen, baseándose nunha suposta defensa das comunidades de montes, entende que nos casos de grave abandono non se debe facer absolutamente nada”, indicou José González. Neste sentido, lembrou que “só no caso de que non se cumpra a obriga de contar cun instrumento de ordenación ou xestión forestal para o seu monte, e logo da declaración de claro abandono, a Xunta acordará a incorporación deste monte veciñal ao Banco de Terras, co obxectivo de conseguir que o monte degradado sexa correctamente xestionado”.
En Galicia existen actualmente 3.069 comunidades de montes veciñais en man común, que xestionan 638.296 hectáreas. Deste xeito, fronte a unha superficie media das parcelas de particulares de 2.500 metros cadrados aproximadamente, as comunidades de montes poden definirse como grandes propietarios, xa que o tamaño medio dos montes veciñais é de 208 hectáreas.
POUCO MÁIS DE 1.000 COMPREN
José González lamentou que “dúas de cada tres comunidades de montes non estean a facer xestión ou non compren coas súas obrigas, xa que moitas non teñen estatutos, xunta reitora ou non presentaron a comunicación de ingresos e reinvestimentos no último ano”. Ademais, existen comunidades de montes que non teñen aprobado un instrumento de ordenación ou xestión forestal.
“É necesario saber que comunidades están activas e xestionando adecuadamente os seus montes, para o que consideramos que a Consellería do Medio Rural se certifique aquelas que estean en cumprimento das súas obrigas legais”, sinalou
En definitiva, o portavoz popular asegurou que “defendemos o papel protagonista das comunidades de montes na configuración do noso monte, pero sempre que se faga unha xestión axeitada”, incidiu o portavoz popular