Santiago, 6 de marzo de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, solicitou hoxe, no nome de todos os deputados e deputadas deste grupo parlamentario, unha desculpa pública á deputada de En Marea que no día de onte publicou un chío en twitter “altamente ofensivo para todos os militantes do Partido Popular”. “Confiamos que se produza esta desculpa, co fin de evitar ulteriores actuacións por parte do noso grupo parlamentario e coa que avanzaríamos bastante nas boas relacións entre os grupos no Parlamento galego”, sinalou.
Puy subliñou que unha das cuestións que o Grupo Popular procura en todas as súas actuacións parlamentarias “é acadar consensos en todo o relacionado coa promoción da igualdade efectiva e real entre homes e mulleres”.
DESCULPA RÁPIDA E SINXELA, SE SE QUERE REALIZAR
Deste xeito, expresou en nome de todos os deputados e deputadas do Grupo Popular “a demanda dunha desculpa por parte da deputada de En Marea que publicou en twitter unha expresión que intenta vincular a violencia de xénero coas siglas do Partido Popular, unha formación firmemente comprometida na loita contra a violencia de xénero e coa igualdade efectiva entre homes e mulleres”.
“Espero que se rectifiquen estas acusacións porque, se como parece é un problema de puntuación e gramática, a desculpa é bastante sinxela e rápida se se quere realizar”, indicou.