Santiago, 9 de novembro de 2021.- O Grupo Popular aceptou hoxe no Pleno do Parlamento galego a creación dunha comisión de estudo, previo cumprimento dos requisitos regulamentarios correspondentes, para analizar a reforma do sistema de financiamento autonómico, co obxectivo de tela rematada antes de que finalice o actual período de sesións.
O portavoz popular, Pedro Puy, explicou que agora deberá presentarse unha solicitude de creación desta comisión de estudo para a súa cualificación primeiro pola Mesa do Parlamento e, posteriormente, aprobación pola Xunta de Portavoces.
“Somos conscientes das deficiencias do actual sistema de financiamento autonómico e a necesidade da súa modificación para que se recoñezan aspectos relacionados cos problemas demográficos, nomeadamente a suba dos custos da educación ou a sanidade relacionados co envellecemento e a dispersión da poboación”, dixo.
Neste sentido, lembrou que, “diante desta reforma, no pasado temos pactado co Partido Socialista os criterios que corresponden a un sistema que garanta a igualdade nos servizos que reciben os cidadáns en toda España”.
CUPO RUINOSO
“O BNG, en cambio, mesmo no último debate sobre o Estado da Autonomía, segue defendendo un sistema de cupo que sería ruinoso para Galicia, como confirman todos os expertos e o propio Ministerio de Facenda nos seus balances fiscais”, manifestou o portavoz popular, quen concretou que “o motivo é que Galicia está por baixo da media da renda española e o sistema de cupo favorece especificamente ás comunidades que, como o País Vasco ou Navarra, están por enriba desa media”.
Por último, Puy demandou “responsabilidade” aos grupos da oposición, porque “o Parlamento ten que propor un sistema que beneficie a Galicia e non a prexudique, de acordo cos informes que nos trasladen os expertos; e non caer na tentación de aceptar calquera sistema que propoña o Goberno central e que prexudique os intereses da Comunidade galega”.