Santiago, 27 de marzo de 2021.- As deputadas do Grupo Popular Paula Prado e Sandra Vázquez reuníronse con representantes da Rede Galega pola Investigación (Investigal) e acordaron introducir na proposición de lei que favorece a carreira profesional das mulleres na ciencia, que se está a tramitar no Parlamento galego, mecanismos correctores no ámbito dos recursos humanos para favorecer a participación das mulleres nos órganos de decisión de empresas e institucións, así como para facilitar a contratación de mulleres e solventar as dificultades que supón suplir as baixas por maternidade.
Os representantes de Investigal agradeceron o apoio do Grupo Popular a tramitación no Parlamento galego da proposición de lei que modifica o Decreto lexislativo 2/2015 para introducir mecanismos correctores e obxectivos nas convocatorias públicas de I+D+i, co fin de evitar a discriminación ou a penalización en caso de maternidade, paternidade ou permisos temporais por embarazo, coidado de persoas dependentes ou lactancia.
A viceportavoz popular, Paula Prado, salientou que desde Investigal “consideran positivas e un avance as modificacións que ten feito a Xunta nas últimas convocatorias predoutorais e postdoutorais aplicando, por primeira vez, unha flexibilidade que duplica as posibilidades de elección de calquera investigador ou investigadora, ao tempo que se rebaixan os requisitos para acceder a un contrato de formación postdoutoral”.
PUNTUACIÓN ADICIONAL
“Galicia é a única comunidade autónoma española que instaurou unha puntuación adicional para compensar aos candidatos que estean de baixa laboral, de xeito que se elimine calquera tipo de discriminación”, sinalou. Neste sentido, destacou que a Xunta “tamén estableceu, despois do confinamento con motivo da Covid-19, unha prórroga de seis meses, en lugar dos tres meses iniciais, para favorecer que se retomaran os proxectos investigadores”.
A reunión das deputadas do Grupo Popular e os representantes de Investigal tamén serviu para analizar a problemática específica das mulleres no mundo da investigación en materias como a conciliación, a corresponsabilidade. Así, valoráronse os prexuízos existentes pola falta de mecanismos correctores que impidan que os permisos de maternidade ou as baixas durante o embarazo polo uso de teratoxénicos na súa carreira profesional, “o que supón unha clara perda de competitividade das mulleres no ámbito académico e investigador”, sinalou Paula Prado.