Santiago, 4 de novembro de 2021.- O deputado do Grupo Popular Alberto Pazos acusou hoxe ao BNG e PSdeG de “amparar a actitude antidemocrática da presidenta da Deputación de Pontevedra” ao non comparecer no Parlamento galego para informar dos orzamentos desta institución provincial, xa que “está no caciqueo, na corruptela e tapando as vergoñas baixo a mullida alfombra da deputación”.
Alberto Pazos lembrou que “é o quinto ano consecutivo que a señora Silva nin está nin se lle espera no Parlamento de Galicia, incumprindo a súa obriga legal e institucional de comparecer para dar conta dos orzamentos da Deputación de Pontevedra”.
TRATO DISCRIMINATORIO E SEXISTA
“Esta ausencia describe perfectamente a política da señora Silva á fronte da Deputación, xa que tampouco está nin se lle espera na axuda aos pequenos concellos, ao comercio ou a hostalería; no diálogo cos sindicatos; no apoio á extensión dos GES; nin sequera nos debates provinciais, xa que tanto BNG como o PSdeG se negan a debater na deputación aquelas mocións do PPdeG que lles resultan molestas”, indicou.
O deputado popular lamentou que a presidenta da Deputación pontevedresa “non acuda a este Parlamento para comprobar, de primeira man, como este grupo parlamentario condena as expresións machistas que ten recibido, ao tempo que podería explicar como é posible reclamar respecto como muller e tolerar o trato discriminatorio e sexista que reciben na Deputación Provincial as deputadas do PPdeG”.
“Esperamos que, máis pronto que tarde, teñamos un goberno provincial que axude por igual aos concellos goberne quen goberne, e que practique un feminismo que defenda a igualdade de todas as mulleres teñan o carné político que teñan”, rematou Pazos.