7 de marzo de 2023. O viceportavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, acusou hoxe a BNG e PSdeG no Pleno do Parlamento galego de “manter a súa triloxía sanitaria: confusión, bulo e insulto”. “A atención primaria galega nunca tivo máis orzamento que neste ano 2023, incluíndo o maior gasto en persoal sanitario da historia da sanidade galega”, asegurou.
Alberto Pazos afirmou descoñecer “a fonte de onde saca o BNG que a Organización Mundial da Saúde recomenda dedicar o 25 por cento do orzamento da sanidade á atención primaria, sen computar o gasto farmacéutico, porque en todos os informes elaborados por este organismo se computa este gasto”. Ademais, os nacionalistas “apúntanse a suba en atención primaria pero ocultan cales son os servizos médicos que van ver reducidos o seu financiamento de forma significativa e permanente”.
“O trilerismo parlamentario da esquerda galega non ten límite e arbitrariamente e contra o criterio da Organización Mundial da Saúde deciden eliminar o gasto en farmacia da atención primaria”, sinalou o viceportavoz popular.
7.000 PROFESIONAIS MÁIS
Neste sentido, e tomando como referencia os orzamentos da Xunta para 2009 e 2023, Alberto Pazos explicou que o gasto para atención primeira incrementouse nestes anos en case 90 millóns de euros e o gasto en persoal noutros 134 millóns de euros, ao contar con 7.000 profesionais máis. “En contraposición, o gasto en farmacia reduciuse en 53,9 millóns de euros a pesar de que aumentaron 7 millóns o número de receitas anuais”, polo que “quen defende os intereses privados son os que boicotearon o uso de xenéricos, os que subiron a derivación de pacientes á sanidade privada máis dun 50 por cento e os que blindaron o concerto con Povisa”, concretou.
Para rematar, o viceportavoz popular criticou “o novo bulo utilizado polo BNG ao fixar en 2.340 millóns de euros o recorte acumulado en atención primaria”. Así, Pazos explicou que “1.791 millóns de euros dese suposto recorte corresponden a aforro en farmacia, ao que engadeu “o recorte para toda a vida de 57 millóns de euros anuais que fixo o Goberno socialista de Zapatero aos traballadores da sanidade pública galega”
“E, por si non bastaba con chamar panda de psicópatas aos responsables da sanidade pública galega, agora insultan aos profesionais do Sergas acusándoos de inventar probas innecesarias para non aumentar as listas de espera”, lamentou Alberto Pazos, quen lembrou que os nacionalistas acusaron no último Pleno a profesionais da sanidade pública galega de tomar conscientemente decisións médicas prexudiciais para os seus pacientes.