Santiago, 12 de marzo de 2021.- A deputada do Grupo Popular Sandra Vázquez acusou hoxe no Parlamento a BNG e PSdeG de “pretender desfacerse pola porta de atrás do institutos Rosalía Mera e Puga Ramón de A Coruña dependentes da Deputación de A Coruña, sen ter en conta nin ao alumnado nin ao equipo docente”.
Deste xeito, sinalou que “é necesario analizar polo miúdo a proposta de transferencia destes centros á Xunta de Galicia, valorando as repercusións que este feito terá para toda a comunidade educativa”.
Sandra Vázquez lembrou que a Deputación de A Coruña é a responsable do funcionamento destes centros, tanto do persoal como do mantemento, reparacións, conservación, limpeza, outros gastos correntes e investimentos. “Tanto o IES Rosalía Mera como o IES Puga Ramón pertencen á rede pública, aínda que son titularidade da Deputación, e a Consellería de Educación contribúe anualmente ao seu sostemento”, apuntou.
IRRESPONSABILIDADE POLÍTICA
“Porén, resulta que agora a Deputación de A Coruña quere desfacerse destes centros que levan funcionando décadas baixo a súa titularidade e, como xa non lle vai ben seguir con eles, pois presenta como unha obriga da Xunta asumir a súa titularidade”, indicou a deputada popular.
Diante desta situación, Vázquez considerou que “non parece que sexa o momento adecuado de afrontar este traspaso á Xunta de centros xestionados por outra administración pública”, polo que cualificou a postura do BNG e do PSdeG de “irresponsabilidade política, xa que a Consellería está centrada en paliar as repercusións da pandemia sanitaria no ensino galego e desenvolver unha axeitada planificación, regulación e administración do ensino regrado en toda a súa extensión, niveis, graos, modalidades e especialidades”.