Santiago, 22 de xuño de 2017.- O portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, José González Pérez, acusou hoxe a En Marea e BNG de “defender a erradicación do eucalipto en Galicia” ao pedir a súa inscrición no Catálogo de Especies Exóticas e Invasoras do Estado español. “Non estamos a favor do monocultivo do eucalipto, senón dunha xestión ordenada desta especie”, reiterou.
José González explicou que o Real Decreto 613/2013 polo que se regula o catálogo español de especies exóticas invasoras recolle que calquera cidadán ou organización poderá solicitar ao Ministerio de Agricultura o inicio do procedemento de inclusión ou exclusión dunha especie neste catálogo, polo que “calquera grupo parlamentario ou calquera asociación defensora do medio ambiente pode solicitar a inclusión do eucalipto”.
CARGARSE TODO O EUCALIPTO
“Quérense cargar todo o eucalipto”, sinalou o portavoz popular, quen animou aos deputados de En Marea e BNG a “facer este discurso nas zonas da Comunidade galega, como A Mariña ou o sur da provincia de Pontevedra, onde hai unha xestión ordenada do eucalipto e se consegue unha boa rendibilidade económica”. Neste sentido, engadiu que a proposta de En Marea “vai máis aló do que están a demandar as organizacións ecoloxistas asinantes do manifesto Stop Eucalipto, que reducen a solicitude de declaración de especie invasora unicamente para o eucalipto nitens”
González Vázquez incidiu que desde o PPdeG “queremos unha xestión ordenada do monte galego e estamos totalmente en contra de que o eucalipto invada zonas agrícolas, tal e como xa está recollido na propia Lei de Montes de Galicia”.
O portavoz popular lembrou que a proposta de directrices para a revisión do Plan Forestal de Galicia recolle a necesidade de aumentar a superficie arborada ocupada por coníferas, en particular piñeiro do país, e frondosas caducifolias (castiñeiro, carballo, cerdeira, nogueira, freixo e bidueiro). “Neste mesmo documento, tamén se di que debería manterse ou reducirse a superficie arborada ocupada por eucalipto”, concretou.
NOVO PLAN FORESTAL
“Desde o inicio do proceso para a elaboración do novo Plan Forestal, a intención da Xunta foi en todo momento de que o texto final conte coa colaboración de todo o sector forestal galego, ao que se sumará o debate definitivo no Consello Forestal, onde están presentes representantes de todo o sector”, manifestou.
Para rematar, José González referiuse ao manifesto Stop eucalipto, asinado por organizacións como Amigos da Terra ou a Federación Ecoloxista Galega, “que tamén están presentes no Consello Forestal onde se están debatendo as directrices e onde temos todos que traballar para unha xestión ordenada do eucalipto”.