Santiago, 27 de abril de 2021.- A portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, Elena Candia, acusou hoxe no Pleno á oposición de “estar máis preocupados por facer teatro no Parlamento que pola defensa dos intereses dos galegos”.
“Todos estamos de acordo en que hai que protexer o monte dun monocultivo e intentar vender unha madeira certificada, pero todo o que sexa eliminar toda plantación de eucalipto é prexudicial para os galegos”, afirmou.
No debate dunha moción sobre a plantación de eucalipto en Galicia, Elena Candia lembrou que esta especie está a beneficiar a máis de 80.000 familias cada ano e xerando máis de 200 millóns de euros, polo que demandou á oposición “respecto para todas estas persoas e traballadores”.
CONTRADICIÓN DA OPOSICIÓN
Candia lamentou que BNG e PSdeG estean “atacando aos galegos de ser uns incumpridores, pero equivócanse totalmente porque os galegos somos xente intelixente, que compren as normas e que coida o seu monte e o seu medio rural”. Ademais, puxo de manifesto a súa contradición porque “din que Galicia se está poboando de eucaliptos nesta moratoria e, ao mesmo tempo, aseguran que non hai planta nos viveiros”.
“Estamos para chegar a acordos que beneficien aos galegos, porque o noso campo necesita decisións valentes e a futura Lei de recuperación da terra agraria permitirá colocar cada cousa no seu sitio”, manifestou.
Deste xeito, a portavoz lembrou que “estamos en pleno proceso de negociación na ponencia desta proposición de lei”, diante do que reiterou que “seguimos tendendo a nosa man para que BNG e PSdeG non se baixen do tren do entendemento”. “Preocúpanos o futuro do monte galego e construír unha Galicia mellor”, afirmou.