A portavoz de Educación do Grupo Popular, Cecilia Vázquez, acusou hoxe no Pleno do Parlamento galego ao BNG de pretender que a Xunta incumpra a Constitución Española ao solicitar que non se autorice un grado universitario na Universidade Intercontinental da Empresa, “algo que sería totalmente arbitrario e limitaría a liberdade das persoas á iniciativa empresarial”. “O BNG odia a iniciativa privada e a liberdade de elección, porque so contemplan unha posibilidade: impoñer o pensamento único”, apuntou.
“Pola súa actitude sectaria, no BNG nunca lles gustou a Universidade Continental da Empresa, a pesar de que as universidades privadas son unha realidade en España e noutros países da nosa contorna, e que a súa posta en marcha supuxo ampliar o abano de opcións formativas para os universitarios galegos”, manifestou.
DUPLICIDADE DE TITULACIÓNS
Cecilia Vázquez asegurou que “é falso que a Lei 6/2013 do Sistema Universitario de Galicia impida a duplicidade de titulacións”, e explicou que “limitar que unha universidade privada imparta unhas ensinanzas, despois de superar os trámites preceptivos, é inconstitucional”. Neste sentido, lembrou unha sentenza recente que declarou inconstitucional unha parte da Lei universitaria de Aragón por impedir aos centros privados duplicar o plan de estudos do público.
“En Galicia podemos estar orgullosos de contar cun mapa de titulacións con máis de 130 graos públicos co obxectivo de que cada alumno galego poida cursar os estudos que queira en Galicia”, sinalou a portavoz popular.
Respecto da proposta do novo grao de dereito na Universidade Intercontinental da Empresa, Cecilia Vázquez explicou que “a Xunta non autorizou nada e se limitou a emitir un informe de pertinencia socioeconómica que se remitiu á Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), quen deberá emitir o informe final favorable ou desfavorable”.
Para rematar, Vázquez cuestionou aos grupos da oposición “como poden falar de privatización da universidade galega?, cando temos en marcha o Plan de financiamento universitario 2022-2026, dotado co maior apoio da historia por parte da Xunta: 538 millóns de euros; avanzamos no obxectivo de acadar o 1 por cento de investimento de recursos públicos nas universidades fixado polo Estado para antes do 2030; ou coa posta en marcha da matrícula universitaria gratuíta ou a conxelación das taxas universitarias desde hai 14 anos”.