Santiago, 30 de setembro de 2022.- O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, acusou hoxe no Parlamento galego ao BNG de “volver á súa esencia opoñéndose a calquera avance nas infraestruturas viarias de alta capacidade ao criticar a ampliación do treito desde A Ramallosa ata O Rollo da autovía AG-59, cando este proxecto cumpre todos os requisitos necesarios e conta con todos os informes favorables pertinentes”.
José Manuel Balseiro lamentou que o BNG “retome os seus cualificativos de navallada a Galicia coas que identificou no seu momento a AP-9, da que agora son fans, porque lles molesta unha Galicia conectada e calquera avance nas infraestruturas de Galicia”.
TRAZADO MÁIS ADECUADO
“O proxecto de ampliación desta autovía entre Santiago e A Estrada busca optimizar un trazado que xa se aprobou definitivamente en 2010; que figura no plan básico autonómico, que ninguén recorreu; e que foi elixido como o máis adecuado entre as distintas solucións viables, logo dunha análise rigorosa dos aspectos técnicos, xeolóxicos, de custo económico, de articulación territorial e calidade de trazado”, sinalou.
Neste sentido, Balseiro apuntou que o actual trazado da autovía “evita a afección directa á Rede Natura, aumentando a distancia entre pilas para non cimentar o río; e reconfigurou o enlace coa PO-241, para evitar a afección á contorna de protección dun castro”.
“As autovías son sempre un avance desde o punto de vista económico, na seguridade viaria e para a comunicación das localidades que unen, pero nunca supoñen unha navallada ao territorio”, indicou o portavoz popular, quen abundou que “moito menos cando existen estudos ambientais que así o acreditan”.
“A Xunta, no caso da autovía entre Ramallosa e A Estrada, como en todas as demais actuacións que leva a cabo en materia de infraestruturas, actúa de acordo co interese xeral”, incidiu José Manuel Balseiro, quen criticou que o BNG “tan só evidencia a súa absoluta incoherencia coas vías de alta capacidade, defendendo unha cousa ou a contraria segundo lle veña ben”.