O portavoz do Medio Rural, Miguel Ángel Viso, acusou hoxe ao PSdeG de reclamar “unha comisión espectáculo” sobre os incendios forestais “cando Galicia non precisa teatro burocrático senón reforzo das faixas secundarias, cambios legais para obrigar a limpar fincas, mobilización da terra agraria e un dispositivo sen precedentes con 7.000 persoas, motobombas, buldóceres, brigadas e medios aéreos”.
Miguel Ángel Viso subliñou que “dous terzos do persoal do servizo de prevención e extinción de incendios traballa todo o ano e o resto pasará de 8 a 9 meses en 2026”. “Hoxe hai 1.000 traballadores máis que en 2008, con EPI renovados, melloras salariais e concursos de traslados”, apuntou.
80% DAS RECOMENDACIÓNS REALIZADAS
Ademais, sinalou que o Pladiga 2025 “inclúe máis de 1.000 hectáreas de novas áreas cortalumes, 970 de faixas auxiliares, 400 quilómetros de pistas melloradas, tratamentos silvícolas, queimas prescritas, 4.887 puntos de auga revisados e actuacións sobre máis de 47.000 hectáreas de biomasa”.
“Desde 2017 aplicáronse o 80 por cento das 123 recomendacións aprobadas no marco da Comisión de Estudo realizada neste Parlamento galego, coa posta en marcha de leis clave, a creación de unidades especializadas e melloras laborais para os traballadores”, manifestou.