O deputado do Grupo Popular José Luís Ferro afirmou que a creación dun Consello da Memoria Democrática de Galicia, como propuxeron hoxe os socialistas no Pleno do Parlamento galego, “viría duplicar estruturas xa existentes e xa asumidas, tanto desde a Xunta como desde o Goberno de España”. Neste sentido, asegurou que o compromiso do PPdeG “é cunha memoria útil, plural, integradora, que recoñeza ás vítimas, que dignifique o pasado e que mire ao futuro”.
José Luís Ferro lembrou que Galicia está integrada nos mecanismos estatais previstos pola Lei de memoria democrática, como o Consello Territorial de Memoria Democrática, onde se articulan as políticas comúns e se garante a coordinación entre administracións. “A paixón pola xustiza, pola liberdade ou pola reparación é lexítima, pero debe ir acompañada de responsabilidade, de capacidade para deseñar instrumentos útiles, reais e eficientes, algo que o Consello que nos propoñen os socialistas non o é”, apuntou.
PROTEXIDA DA UTILIZACIÓN IDEOLÓXICA
Neste sentido, explicou que “Galicia xa conta con mecanismos de coordinación, cunha rede de investigadores, cunha tradición de memoria activa e con instrumentos para aplicar a normativa estatal”, pero afirmou que, “se hai vontade de mellorar a política de memoria, traballemos sobre o que xa existe e dotemos de máis medios aos arquivos, incrementemos a colaboración cos colectivos e melloremos a coordinación interadministrativa”.
“A memoria democrática debe estar protexida da utilización ideolóxica, debe ser plural, e non converterse nun instrumento de parte”, sinalou o deputado popular, quen apuntou que “a historia de Galicia e a memoria das vítimas non pertence a ningún partido nin a ningunha forza política, porque é un patrimonio común que debe ser tratado con responsabilidade”. “Nós queremos que a memoria sirva para construír, non para dividir”, manifestou.
Para rematar, José Luís Ferro indicou que “debemos traballar conxuntamente na construción dunha memoria democrática que sexa patrimonio de todos e non trincheira de ninguén”, polo que avogou por “traballar con seriedade, compromiso e humildade institucional porque Galicia merece unha política de memoria á altura da súa historia e do seu pobo”.