Santiago, 18 de marzo de 2021.- O deputado popular Alberto Pazos afirmou hoxe no Parlamento galego que “a día de hoxe non existe petición algunha na Xunta de Galicia para a construción dunha residencia pública de maiores en Petín”.
Neste sentido, asegurou que “se se produce esta solicitude por parte do Concello, se estudará co máximo interese e se tomará en consideración, para despois decidir en atención as prioridades de servicio derivadas da demanda e atendendo a unha planificación baseada na asignación eficiente dos recursos públicos”.
Alberto Pazos lembrou que o Pleno municipal de Petín acordou solicitar a construción dunha residencia de maiores, pero “a alcaldesa debería intentar dar cumprimento a este acordo, porque neste momento non existe ningunha petición de reunión coa Consellería nin co Consorcio de Servizos Sociais”.
DATOS OBXECTIVOS
Deste xeito, explicou que “non podemos aprobar a petición que hoxe trae o Grupo Socialista a esta comisión parlamentaria porque nin sequera existe constancia na Consellería da mesma, xa que debería ser o propio Concello o que solicitase iniciar un proceso de avaliación sobre a necesidade de construír esta residencia e non o fixo”.
“A decisión sobre a conveniencia ou non de construír unha residencia para maiores nun concello concreto obedece a unha análise rigorosa baseada en datos obxectivos”, sinalou o deputado popular, quen apuntou que “solicitar unha residencia en base a que non existe ningunha nese concello nos levaría a entender que hai que construír unha en cada un dos 313 concellos galegos”.
Así mesmo, amosouse “sorprendido porque para o Grupo Socialista sexa unha prioridade a construción desta residencia de maiores en Petín, cando no seu momento non solicitou nada para ela durante a tramitación dos orzamentos da Xunta para 2021, a pesar de que o acordo plenario do Concello é do pasado mes de xullo”.