Santiago, 17 de xuño de 2021.- O deputado do Grupo Popular Manuel Santos afirmou hoxe no Parlamento que o novo organigrama e relación de postos de traballo (RPT) do ente Portos de Galicia inclúe a incorporación de cinco novos gardapeiraos. Así mesmo, salientou a “vontade negociadora” deste organismo para a posterior funcionarización do persoal, nun prazo estimado de tres anos”.
Manuel Santos diferenciou entre a seguridade nos portos no sentido de prevención de accidentes, minimización de riscos e coidado da integridade dos usuarios do porto e as embarcacións, que é competencia de Portos de Galicia; e a seguridade dirixida á prevención e desarticulación da delincuencia, onde Portos de Galicia non ten competencia algunha.
CORRECTA PRESTACIÓN DE SERVIZOS
Neste sentido, o deputado popular sinalou que Portos de Galicia está a traballar na redacción do novo regulamento de explotación e sobre a policía portuaria de carácter autonómico. “O obxectivo é asegurar a correcta prestación de servizos e operacións portuarias, así como o debido uso das instalacións e as normas de vixilancia e control”, indicou.
Este novo regulamento tamén ten por obxecto o desenvolvemento das normas de policía portuaria, incluíndo un modelo de ordenanzas portuarias, así como a concreción do réxime de infraccións e sancións previsto na Lei de portos de Galicia.