Santiago, 2 de novembro de 2018.- O deputado do Grupo Popular Alberto Pazos criticou esta tarde a negativa da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, a comparecer no Parlamento para explicar os orzamentos deste organismo provincial. “Négase a comparecer, pero non porque defenda a autonomía local, senón para evitar dar contas sobre as tres liñas mestras da súa deputación: o caciquismo, o sectarismo e o abandono da cidadanía”.
Alberto Pazos lembrou que a presidenta da Deputación de Pontevedra, xunto co presidente da Deputación de Lugo, que este ano si acudiu a presentar os orzamentos da súa institución, incumpriu o deber de colaboración entre administracións negándose a comparecer no Parlamento, desatendendo ademais as peticións que lle fixo a oposición. “Porén, este ano da un paso máis no seu desleixo é atrévese a incumprir unha Lei autonómica negándose a comparecer nesta Cámara”, apuntou.
CRITERIO DO TRIBUNAL CONSTITUCIONAL
“A señora Silva alcanzou o goberno da Deputación de Pontevedra logo dun pacto de perdedores entre PSOE e BNG, négalle á capacidade de control do lexislativo ao non comparecer no Parlamento e, por último, substitúe ao poder xudicial”, sinalou o deputado popular, quen engadiu que “pode impugnar as normas desta Cámara, pero non substituír o criterio do Tribunal Constitucional polo seu propio criterio”.
Pazos criticou o caciquismo existente na Deputación de Pontevedra e para isto afirmou que máis do 97 por cento dos convenios asinados en 2018 sexan con concellos do PSOE ou do BNG. Así mesmo, denunciou o sectarismo por parte da presidenta desta Deputación Provincial ao negarse a recibir a alcaldes porque gobernan logo dunha moción de censura, “cando despois recibe aos ministros José Guirao ou José Luís Ábalos integrantes dun goberno saído dunha moción de censura”.
REPROBACIÓN NA DEPUTACIÓN
Por último, referiuse ao abandono da cidadanía por parte do goberno provincial presidido por Carmela Silva ao negar axudas aos concellos afectados polas inundacións de 2016, prometer axudas que nunca chegaron aos concellos que sufriron a vaga de lumes de 2017 e, este mesmo ano, deixar sen axudas aos afectados polo accidente da pirotécnica en Paramós.
Alberto Pazos rematou a súa intervención demandando ao BNG que “non bastan críticas coa boca pequena á ausencia de Carmela Silva neste Parlamento, porque vostedes teñen a chave para evitar esta cacicada na Deputación de Pontevedra e deben demostrar que están dispostos a reprobar neste organismo provincial a actitude da súa presidenta”.