Santiago, 22 de xuño de 2021.- A deputada do Grupo Popular Marta Rodríguez-Vispo afirmou hoxe no Parlamento galego que a reforma da atención primaria “redundará nunha mellor atención sanitaria e na creación de unidades multidisciplinares en patoloxías que afectan fundamentalmente ás mulleres, que suporán unha importante mellora no seu tratamento, tanto en relación ao tempo invertido na atención como no plano asistencial”.
?Debemos incluír a perspectiva de xénero en todo o ámbito sanitario,en moitas enfermidades comúns que poden afectar as mulleres de forma diferente e son os propios especialistas os que teñen que ter en conta esa perspectiva e realizar a atención específica, Marta Rodríguez-Vispo pic.twitter.com/vI8wnE8DUz
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) June 22, 2021
No debate dunha proposición non de lei do BNG sobre a creación dunha unidade de muller e saúde, Rodríguez-Vispo considerou “máis importante para a saúde das mulleres avanzar na mellora dos coñecementos e na asistencia sanitaria para as enfermidades que lles afectan máis directamente”.
ESPECIALIZACIÓN
“Cremos que se debe incluír a perspectiva de xénero en todo o ámbito sanitario, e, desde logo, nas especialidades que teñen unha prevalencia maior nas mulleres”, incidiu a deputada popular. Neste sentido, apuntou que “falamos non só das enfermidades vencelladas aos órganos do aparato reprodutor, senón a moitas outras, como o infarto de miocardio, que teñen unha incidencia maior nas mulleres e a enfermidades comúns que as afecta de forma diferente”.
Marta Rodríguez-Vispo manifestou que “o avance do coñecemento debe basearse na especialización, polo que serán os propios especialistas en cada unha das patoloxías os que deben ter en conta ese enfoque de xénero e realizar unha atención específica”.
Na súa intervención, referiuse á iniciativa do Grupo Popular aprobada no mes de febreiro que propón regular o funcionamento das unidades de mama, unha actuación que “debe servir de referencia para a creación doutras unidades multidisciplinares doutras patoloxías, comezando polas relacionadas co solo pélvico”.