Santiago, 13 de xullo de 2021.- O Pleno do Parlamento galego aprobou hoxe o proxecto de Lei de recoñecemento da universidade privada Universidad Intercontinental de la Empresa, “unha nova oportunidade para Galicia que non lle vai custar un só euro ao sistema público universitario de Galicia”, manifestou o portavoz de Educación, Ovidio Rodeiro.
Así mesmo, indicou que este proxecto docente “é unha oportunidade para atraer talento do exterior, para evitar que o talento galego busque outras comunidades para o seu desenvolvemento e para crear emprego de calidade na Comunidade galega”.
“A Xunta demostrou nos últimos doce anos unha aposta firme, convincente e rotunda a favor dos universitarios galegos e das tres universidades públicas”, sinalou o portavoz popular, que puxo de exemplo a aprobación a semana pasada polo Consello da Xunta dunha nova conxelación das taxas universitarias, undécimo ano consecutivo e que suporá un aforro para as familias galegas de 19 millóns de euros este ano.
Ovidio Rodeiro lamentou que “os prexuízos ideolóxicos da oposición non lles deixan ver a realidade, xa que formulan emendas que prexudican a iniciativa galega en favor da universidade privada de Cataluña, País Vasco e outras comunidades autónomas”. Neste sentido, afirmou que “trátase dun proxecto tan solvente que o mesmo Estado non puido rexeitalo e saíu adiante sen votos en contra na Comisión Delegada da Conferencia Xeral de Política Delegada da Conferencia General de Política Universitaria do Estado”.
NOVA OPORTUNIDADE
“A posta en marcha desta universidade podemos considerala como unha nova oportunidade para atraer talento a Galicia e para dar máis oportunidades aos nosos estudantes, que aposta por crear empregos de calidade e incrementa a posibilidade de elixir Galicia para os estudantes internacionais, nacionais e autonómicos”, engadiu.
O portavoz popular asegurou que “Galicia aposta, máis que nunca, pola universidade pública, ofertando as prazas necesarias para darlle cobertura ás necesidades da demanda existente”. Deste xeito, recordou que no último curso universitario quedaron preto de 1.000 prazas sen cubrir, proba de que a Xunta ten blindado o sistema público garantindo prazas de universitarios para que todos os galegos teñan a oportunidade de conseguir unha nova praza pública no sistema universitario galego.
Por último, Rodeiro salientou que a Xunta “ten incrementado os fondos para a universidade pública, chegando este ano ao récord de 451 millóns de euros; e xa se está a traballar no III Plan de financiamento universitario, da man dos reitores, para o período 2022-2027.