28 de marzo de 2023. A deputada do Grupo Popular Elena Suárez lembrou hoxe no Parlamento de Galicia que “a Xunta atenderá todas as solicitudes de axuda para realizar investimentos que fomenten a pesca sustentable, do mesmo xeito que fixo noutros anos con aquelas demandas que cumprían os requisitos establecidos”.
Elena Suárez explicou que a orde de axudas, publicada o pasado 4 de xaneiro no Diario Oficial de Galicia, ten como finalidade a primeira adquisición dun buque de pesca para favorecer a renovación da frota e a muda xeracional. Estas axudas contan co financiamento do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) nun 75 por cento e da Xunta de Galicia no 25 por cento restante.
Poderán ser beneficiarios destas subvencións os pescadores tripulantes de buques pesqueiros que estean enrolados nun buque con porto base en Galicia, teñan menos de 40 anos de idade, estean dados de alta no réxime especial da Seguridade Social do traballadores do mar e teñan traballando, cando menos, cinco anos como pescador ou teñan a titulación profesional esixida segundo o tipo de embarcación que se vai adquirir.
EN BASE AO REGULAMENTO EUROPEO
“As bases destas axudas, pensadas para renovar a frota e favorecer a remuda xeracional, están suxeitas ao regulamento do FEMPA”, sinalou a deputada popular, quen incidiu que “se é necesario ampliar o crédito, está recollido na propia orde que se poderá ampliar para dar resposta a todas as solicitudes, do mesmo xeito que ocorreu noutros anos”.
Elena Suárez manifestou que “desde Galicia sempre defendemos, lonxe de limitar a actividade, a necesidade de impulsar a renovación da frota e de implantar melloras a bordo, co obxectivo de favorecer a habitabilidade e que a pesca poida ser atractiva para a xente nova”. “A frota, un dos piares do complexo mar-industria galego, ten un importante pasado, un presente non exento de dificultades, pero tamén moito futuro, especialmente se todos remamos nas mesma dirección”, rematou.