Santiago, 15 de xuño de 2022.- O deputado do Grupo Popular José Antonio Armada afirmou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a Consellería do Medio Rural “está a deseñar medidas de optimización do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais, en canto a organización, loxística, dotación de medios e formación, co fin de dar un salto de calidade que permita afrontar as próximas décadas dun maior nivel de profesionalización”. En concreto, indicou que “atópase nun proceso de funcionarización do persoal laboral deste servizo e o paso do persoal de nove a doce meses de contratación”.
José Antonio Armada manifestou que o Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais “atópase nun momento de metamorfose, pasando de estar formado por grupos de peóns, encabezados por un encargado afín ao garda forestal da zona, a ser unidades operativas de bombeiros forestais, categoría recoñecida en 2016”.
APOIO EN EMERXENCIAS
“Con toda a experiencia acumulada ao longo de todos estes anos, estas unidades operativas son capaces tanto de enfrontarse aos incendios forestais máis virulentos como de participar na axuda ou colaboración en calquera emerxencia que poda ocorrer en Galicia, como aconteceu cos traballos de desinfección realizados durante a primeira onde da pandemia da Covid-19”, sinalou.
O deputado popular lembrou que “desde o ano 2018 aumentouse o tempo anual de traballo do persoal fixo-descontinuo do dispositivo anti incendios forestais, pasando de tres a seis meses de traballo na actualidade”. Esta medida supuxo duplicar os custos laborais deste persoal, pasando de menos de 7 millóns de euros a máis de 14 millóns.
“Esta mellora incide, ademais, directamente na prevención, xa que agora este persoal ten máis tempo para realizar este tipo de actuacións, para o que contan co apoio de 35 tractores que fixeron roza e limpeza en cerca de 1.500 hectáreas de territorio galego”, apuntou Armada.
Respecto do orzamento destinado a prevención e loita contra os incendios forestais, o deputado popular recordou que cada ano se destinan máis de 180 millóns de euros, dos que 33 corresponden estritamente ao plan de prevención.