Santiago, 13 de abril de 2021.- A portavoz de Vivenda do Grupo Popular, Marisol Díaz Mouteira, afirmou hoxe no Pleno do Parlamento que, “mentres o Goberno de España vai e ven, a Xunta ten moi clara a súa política de vivenda: sen intervención no mercado, que só procuraría máis tensións e problemas; e si con medidas que promovan a posta en alugueiro de vivendas, que incrementen o parque público autonómico e municipal, e faciliten o acceso dos cidadáns, en xeral, e dos colectivos máis vulnerables, en particular, á vivenda en alugueiro”.
Marisol Díaz lamentou que o BNG “insista na intervención do mercado inmobiliario a través da redución dos prezos de alugueiro”, polo que reiterou que o Goberno galego “é contrario a esta intervención polos efectos negativos que tería”. En concreto, referiuse a un informe do Banco de España no que se afirma que o control sobre os prezos do aluguer de vivendas tería consecuencias negativas como a redución das vivendas dispoñibles no mercado; a modificación da composición das vivendas para escapar ao regulamento; a redución da mobilidade dos traballadores que non desexan perder un alugueiro inferior ao prezo de mercado; ou un aumento dos prezos do mercado naquelas zonas ou vivendas que quedan excluídas do regulamento.
“O Goberno galego vén solicitando desde hai anos que o Goberno central defina de xeito uniforme para todo o territorio nacional o concepto de vivenda baleira, xa que considera máis efectivas as políticas de incentivos á posta no mercado destes inmobles”, sinalou a portavoz popular.
Ademais, considerou “fundamental ofrecer seguridade xurídica aos propietarios, na confianza de que mediante unha regulación clara van cobrar puntualmente o alugueiro e que recuperarán a vivenda no mesmo estado en que foi alugada”.
UNHA DAS PRINCIPAIS PREOCUPACIÓNS
Díaz Mouteira subliñou que “o Goberno galego vive na realidade, sendo plenamente consciente de que o acceso á vivenda é unha das principais preocupacións dos cidadáns e, en particular, dos colectivos máis vulnerables e da mocidade”. Deste xeito, lembrou que está a promover programas específicos para garantir o acceso á vivenda en alugueiro, mobilizando preto de 10 millóns de euros a través de catro programas dirixidos ás persoas cunha situación económica difícil ou que se están a ver especialmente afectadas pola pandemia da Covid-19.
En concreto, lembrou que existen axudas ao alugueiro dirixidas a facilitar o acceso e mantemento da súa vivenda habitual a persoas e colectivos específicos con escasos recursos económicos, así como para aquelas unidades de convivencia con dificultades á hora de facer fronte ao pago das rendas da súa vivenda habitual. A estas dúas iniciativas súmase o bono de alugueiro social, tanto para atender con carácter de urxencia as unidades de convivencia en situación de vulnerabilidade como para as vítimas de violencia de xénero.
Por último, Marisol Díaz apuntou que “a Xunta tamén axuda aos concellos de menos de 20.000 habitantes a rehabilitar vivendas para alugueiro, fomentar a construción de novas vivendas con destino ao alugueiro e adquire e rehabilita vivendas en conxuntos históricos con destino ao alugueiro”.
“Na actualidade, o Goberno galego dispón dun parque público de 3.700 vivendas en alugueiro destinado ás capas máis desfavorecidas da poboación, parque que se incrementará coas novas vivendas rehabilitadas e con vivendas de nova construción”, dixo.