O portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, Miguel Viso, afirmou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a Xunta está a traballar con transparencia e anticipación para promover unha resposta coordinada cos concellos e entidades privadas co obxectivo de abordar con rigor e responsabilidade a declaración de zonas vulnerables a nitratos.
Miguel Viso lembrou que “a Administración xeral é a que determina as masas de auga afectadas por nitratos, elaborando os respectivos mapas en base aos datos dos organismos de cuncas hidrográficas”. “Posteriormente, corresponde á administración autonómica é a que debería facer a declaración das zonas vulnerables das masas afectadas, que en todo caso aínda están en fase de avaliación no proceso de discriminación da compoñente agraria do conxunto de nitratos detectados”, indicou.
Diante desta situación, o portavoz popular indicou que “a Consellería do Medio Rural xa iniciou unha serie de encontros con alcaldes, asociacións profesionais, cooperativas, empresas de distribución e industria, co obxectivo de abordar con rigor e responsabilidade a cuestión da sustentabilidade ambiental da gandaría galega e as súas perspectivas de futuro”. En concreto, explicou que “nestes encontros estase a analizar a situación da concentración de nitratos nas augas como paso previo e necesario para a declaración oficial das zonas vulnerables, conforme marca a normativa estatal”.