A portavoz de Política Social do Grupo Popular, Raquel Arias, afirmou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a Xunta está negociando un novo incremento da súa aportación aos concellos para o servizo de axuda no fogar, pero insistiu en que “o Goberno de Pedro Sánchez pague os máis de 2.500 millóns de euros que debe a Galicia pola prestación dos servizos da dependencia, que poderían destinarse a máis horas de axuda a domicilio, construción ou dotación das residencias dos maiores e centros de día, ou a teleasistencia”.
Raquel Arias asegurou que “nacionalistas e socialistas galegos son culpables de que todos os dependentes e as persoas con discapacidade en Galicia non teñan os servizos e prestacións que por lei lles corresponde, xa que o Goberno central estalle a negar á Comunidade galega o 50 por cento que lle corresponde pola prestación da dependencia”. “Díganlles a eses maiores galegos que Pedro Sánchez lle vai pagar ao Goberno vasco a metade dos custos da lei da dependencia, mentres a Galicia só lle abona o 35 por cento, e baixando ano tras ano”, pediu aos deputados de BNG e PSdeG.
Así mesmo, a portavoz popular criticou o recente recurso de inconstitucionalidade presentado polo Goberno central contra o plan de choque da valoración da dependencia e a discapacidade posto en marcha pola Xunta este ano, “unha decisión que vai prexudicar a 9.000 persoas con discapacidade galegas co aplauso dos socialistas galegos e o apoio implícito do BNG”.
Na súa intervención, Arias destacou que Galicia é a segunda comunidade na que máis se reduciu a lista de agarda da dependencia no último semestre, exactamente un 38 por cento respecto ao mesmo período de 2024; e, “segundo o puxo de manifesto o propio Goberno central, Galicia é a segunda comunidade na que máis subiu o número de beneficiarios, chegando aos 88.000 dependentes atendidos e unha ratio de atención dos xa valorados do 98 por cento”.
Para rematar, a portavoz popular puxo en valor o protocolo para reforzar a seguridade e a saúde laboral das traballadoras do servizo de axuda no fogar, aprobado onte polo Goberno galego, “un documento elaborado polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia a petición da mesa de traballo impulsada pola Fegamp”.
Este protocolo ten en conta o perfil feminizado da actividade e a realidade específica do traballo nos pequenos concellos do rural, actuando sobre tres eixes clave: identificar e xestionar os riscos nos domicilios, optimizar a organización no traballo e reforzar a formación das profesionais.