Santiago, 4 de marzo de 2022.- A deputada do Grupo Popular Cristina Sanz afirmou hoxe no Parlamento galego que a Xunta “está traballando nun protocolo de xestión de crises empresariais, xunto cos principais axentes económicos e sociais de Galicia, a través do que se busca achegar solucións a empresas en dificultades”.
Cristina Sanz apuntou que o Goberno galego “xa presentou unha proposta deste protocolo no Comité de política industrial no seo do Consello Galego de Economía e Competitividade e neste momento está á espera das súas achegas para a súa posible incorporación ao documento definitivo”.
MEDIACIÓN E ASESORAMENTO
“Porén, cando a Xunta detecta que unha empresa se atopa nunha situación de crise, intervén de xeito informal facendo labores de mediación entre a propiedade e os traballadores, así como prestando asesoramento laboral e financeiro”, manifestou.
A deputada popular lembrou que “un dos eidos con maior peso da Consellería de Economía é o financiamento do tecido empresarial galego, ao que se destinará este ano 120 millóns de euros co obxectivo de mobilizar 300 millóns de euros en préstamos ás empresas”.
Neste ámbito, salientou que “se introducirán novidades importantes, como a modalidade de préstamos non reembolsables, polo que parte do préstamo converterase en axuda directa para a empresa; e se modificará o decreto de avais da Xunta, para flexibilizar as liñas de apoio ao tecido produtivo”.
Cristina Sanz subliñou que Galicia “ten unha economía competitiva que se está a comportar mellor que o conxunto de España, na que a maior parte dos problemas que teñen que afrontar as nosas empresas e os nosos autónomos débense á política económica do Goberno central, incapaz de tomar medidas para atallar a crise enerxética, a inflación, a elevada presión fiscal, a subida das cotizacións á seguridade social ou a xestionar, dun xeito transparente, non arbitrario e accesible os fondos de recuperación europeos”.