Santiago, 13 de xullo de 2021.- A deputada do Grupo Popular Elena Suárez afirmou hoxe no Pleno que o Goberno galego “xa está a traballar na modificación da Lei de inclusión social para adaptar a renda de inserción social de Galicia (Risga) ao novo contexto xurdido coa posta en marcha do ingreso mínimo vital (IMV) co obxectivo principal de que a tramitación destas axudas sexa o máis rápido e áxil posible”.
Elena Suárez indicou que “modificar a Lei de inclusión de Galicia para adaptala á implantación do IMV non ten sentido mentres esta axuda non estea totalmente definida por parte do Goberno de España”, porque lembrou que o Real Decreto-Lei que se aprobou para regular o IMV “tivo que ser parcheado en seis ocasións e, despois de 30 prórrogas, aínda se está negociando a lei que aprobará definitivamente a prestación”.
A deputada popular lamentou “a política de improvisación do Goberno central na implantación do IMV, o que motivou que persoas receptoras da Risga cobraran de forma involuntaria pero indebida estas dúas prestacións incompatibles entre si”.
Diante desta situación, “o Goberno galego propuxo ao Goberno central empregar a vía da compensación directa ás comunidades autónomas para evitar esta duplicidade e protexer ás familias máis vulnerables, pero a resposta do Goberno de Pedro Sánchez foi non”, explicou a deputada. Á vista desta negativa, a Xunta argallou mecanismos para facilitarlle a vida ás persoas afectadas, formulando dúas opcións: habilitar un prazo de 30 meses para subsanar a duplicidade ou posibilitar a condonación da débeda ata unha contía do 50 por cento do IPREM anual nos casos de familias especialmente vulnerables e con menores a cargo.
“Hai 15 meses que a Xunta, pensando no beneficio dos galegos e das galegas posibles beneficiarios do IMV, pediu en diferentes xuntanzas co Goberno central que foran as autonomías quen xestionaran esta nova axuda, co aval dos 30 anos de experiencia na xestión da Risga que posúe Galicia, unha estrutura administrativa rodada e unha fotografía nítida da realidade social da Comunidade galega, pero lamentablemente a resposta do Goberno de Pedro Sánchez foi non”, sinalou.