A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, afirmou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “BNG e PSdeG pasarán á historia por dirixir o Goberno de Galicia que máis incrementou o gasto en concertos e que máis pacientes derivaba da sanidade pública á sanidade privada”.
No debate dunha iniciativa sobre a atención sanitaria no Hospital Povisa de Vigo, Encarna Amigo lembrou que “foi o Goberno bipartito de socialistas e nacionalistas os que blindaron este centro sanitario en virtude dun acordo ao que se chegou en 2006, blindando este concerto incluso a través da Lei de Saúde de Galicia do ano 2008”.
“Ademais, no Acordo básico pola saúde da área sanitaria de Vigo, asinado en 2006 entre a Consellería de Sanidade e a dirección de Povisa, no que tamén participaron representantes sindicais da CIG, recóllese o compromiso polo mantemento do emprego do sector sanitario da comarca viguesa tanto no ámbito público como no privado que preste atención concertada, falando tamén da conveniencia de manter e potenciar os instrumentos de concertación e cooperación público-privada”, explicou.
FERRAMENTA LEXÍTIMA
Encarna Amigo afirmou que “os concertos son unha ferramenta lexítima que socialistas e nacionalistas impulsaron, que lles servían e empregaban cando gobernaban pero que agora os critican”.
Deste xeito, manifestou que desde o Partido Popular “seguiremos apostando por todos os recursos que garantan a mellor prestación sanitaria para os galegos” e, no caso concreto de Povisa, subliñou que “o obxectivo esencial e prioritario por parte da consellería é velar por garantir a equidade e a calidade asistencial da súa poboación de referencia e, máis en concreto, a todos aqueles que libremente elixan este centro hospitalario”.