A portavoz de Educación do Grupo Popular, Cecilia Vázquez, afirmou hoxe no Pleno do Parlamento galego que Galicia conta “cunha estratexia educativa coherente, planificada e avalada polos feitos, cun impacto directo no benestar do alumnado, na estabilidade do profesorado e no equilibrio territorial”.
Cecilia Vázquez lembrou que a Comunidade galega ten unha das mellores ratios de alumno por docente de toda España (9,8 sobre unha media estatal de 11,4) e inviste 1.000 euros máis por alumno que a media española.
Neste sentido, lembrou que “este ano comezamos a desenvolver o acordo de mellora do sistema educativo de Galicia, que contén 17 puntos clave entre os que destacan a redución progresiva das ratios por aula, pasando de 25 a 20 alumnos; a ponderación do alumnado con necesidades educativas especiais, o que permite asignar máis recursos humanos e materiais; a mellora dos agrupamentos no rural, reducindo de 18 a 14 o número máximo de alumnos por aula en educación infantil con cursos combinados; ou evitando o peche de 200 aulas, que en tres anos chegarán a 900”.
FORMAR, NON ADOUTRINAR
“A educación está para formar, non para adoutrinar”, aseverou a portavoz popular, quen apuntou que “os centros educativos son espazos para o coñecemento, a igualdade de oportunidades e o pensamento crítico, no para introducir discursos partidistas ou intereses políticos”.
Deste xeito, cuestionou a BNG e PSdeG “por que lles molesta tanto que se garanta a neutralidade ideolóxica no ensino? ou forma parte do seu plan de mellora educativa utilizar as aulas como plataforma política?”, porque insistiu que “os nenos e nenas van ao colexio a aprender, no para ser orientados ideoloxicamente, polo que calquera intento de usar o sistema educativo como ferramenta de propaganda debería ser rexeitado por calquera forza que diga defender un ensino público e plural”.
Cecilia Vázquez rematou a súa intervención asegurando que “un dos principios que guía o modelo educativo galego é garantir as mesmas oportunidades para todo o alumnado, viva onde viva” e explicou que “o 40 por cento dos centros están en zonas rurais e para eles a Xunta destina un 28 por cento máis de investimento que nas zonas urbanas”.