Santiago, 23 de outubro de 2019.- O deputado do Grupo Popular Alberto Pazos manifestou hoxe no Pleno que “todos desexamos que o Parlamento británico dea luz verde esta semana ao acordo para unha saída negociada do Reino Unido da Unión Europea, minimizando os efectos deste erro histórico froito do populismo”. “Se non fose así, teñan a completa seguridade de que atoparán á Xunta de Galicia preparada para minimizar os perniciosos efectos dun brexit abrupto”, manifestou.
Alberto Pazos amosouse “de acordo na necesidade dunha correcta coordinación entre o Goberno galego e o central, e por iso se intentou manter unha interlocución co Goberno de España a través do seu delegado en Galicia”. Neste sentido, lembrou que “nun primeiro momento o delegado esqueceu invitar á Xunta ao grupo de traballo para o brexit en Galicia, pero, unha vez que a Xunta solicitou a incorporación a ese grupo, a colaboración está a dar os seus froitos”.
ACTUACIÓNS
En concreto, citou a proposta de Real-Decreto que regule as condicións de desembarque de peixe fresco de buques británicos e as importacións destes produtos por estrada; a solicitude de actuacións para garantir a continuidade da flota galega nos caladoiros británicos; a compensación a estas flotas en caso contrario; ou o apoio a dúas liñas ferry entre Irlanda e Galicia.
O deputado popular puxo en valor “as distintas actuacións do Goberno galego encamiñadas a paliar, xa que resulta imposible neutralizar, as consecuencias dun posible e indesexado brexit sen acordo”.
Así, lembrou que, logo de que o Grupo Popular impulsara a primeira iniciativa neste Parlamento sobre o brexit, que solicitaba un informe sobre o seu impacto e consecuencias en Galicia, o Goberno galego puxo en marcha o Foro Galego sobre o Brexit, unha plataforma dixital de asesoramento a empresas e creouse un grupo interdepartamental, ademais de levar adiante numerosas actividades de asesoramento (en colaboración co Consello Económico e Social, o Instituto Salvador de Madariaga ou a Universidade de Santiago); e apoio, tanto a empresas como a residentes galegos; e de busca de alianzas con outras rexións e estados aliados na defensa dos intereses comúns.