O portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, Miguel Ángel Viso, afirmou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “mentres algúns seguen instalados no ruído e na crítica fácil utilizando a vaga de incendios forestais deste verán, o Goberno galego sigue facendo o que hai que facer: axudar, reconstruír e mirar cara adiante”. “Os incendios non se apagan con discursos nin con pancartas, apáganse co esforzo de bombeiros, técnicos, gardas forestais e voluntarios que deixaron todo no terreo, así como co compromiso dun Goberno que non mira para outro lado, que responde, que acompaña e que cumpre”, indicou.
“Hai quen ve un lume no monte e pensa en como apagalo, pero tamén hai quen ve ese lume e pensa en como avivalo e aproveitarse del”, manifestou Miguel Ángel Viso, quen sinalou que “a diferenza é clara: uns usan a traxedia para sacar proveito e outros traballamos con humildade para devolverlle a esperanza á xente”.
TRABALLO, PLANIFICACIÓN E RESPONSABILIDADE
Na súa intervención, lembrou que “Galicia conta cun dispositivo de máis de 7.000 efectivos, que conseguiron que o 98 por cento dos incendios se controlaran nas primeiras 24 horas” e subliñou que “a Xunta xa puxo en marcha ata oito liñas de axuda para explotacións agrícolas, gandeiras e forestais, para maquinaria, vivendas, empresas, alimentación de gando, colmeas e restauración ambiental”.
Viso destacou que “o esforzo orzamentario global da Xunta en materia de prevención e defensa contra os incendios supera os 180 millóns de euros anuais, chegando aos 200 millóns se incluímos as actuacións forestais complementarias”. “O lume non se combate con titulares, senón con traballo, planificación e responsabilidade, e iso é o que fai a Xunta: traballar mentres outros debaten, actuar mentres outros sinalan e reconstruír mentres outros acusan”.