A portavoz de Xuventude do Grupo Popular, Nicole Grueira, afirmou hoxe no Parlamento de Galicia que a nova convocatoria de axudas da Xunta para plans de mellora e incorporación á actividade agrogandeira darase prioridade ás persoas mozas que soliciten a incorporación ou que, tendo a axuda xa aprobada, non dispoñan por agora do plan de mellora, para que desta forma poidan levar adiante o seu proxecto.
Nicole Grueira asegurou que os plans de mellora e as axudas de incorporación á actividade agrogandeira son “dúas ferramentas clave que reflexan o compromiso do Goberno galego con este sector, xa que, por unha banda, garanten que as granxas dispoñan dos recursos necesarios para modernizar ou ampliar as súas infraestruturas e, por outro lado, ábrelle as portas ás novas xeracións de agricultores e gandeiros que apostan polo sector e, consecuentemente, polo futuro do rural galego”.
Respecto das convocatorias do ano 2024, a portavoz popular salientou que se aprobaron a totalidade das solicitudes admisibles, cun incremento notable tanto do número de solicitudes como da axuda media aprobada por solicitude, que aproximouse aos 80.000 euros.
“O obxectivo é axudar ao sector agrogandeiro galego e garantir o seu futuro, para o que a Xunta está a actuar con responsabilidade, compromiso e visión a curto e longo prazo”, indicou Nicole Grueira.