7 de marzo de 2023. A deputada do Grupo Popular Noelia Pérez explicou hoxe no Pleno do Parlamento galego que o Goberno galego “sacará adiante nas vindeiras datas o I Plan de Igualdade da Administración autonómica co maior dos consensos posibles e coa maior das garantías, de xeito que sexa unha ferramenta efectiva na loita contra a discriminación e pola igualdade”.
Noelia Pérez afirmou que a Xunta está a garantir os dereitos fundamentais do seu cadro de persoal, xa que 9 de cada 10 solicitudes de conciliación e permisos son autorizados.
BOA DIAGNOSE
“Un bo plan require dunha boa diagnose e analizar exhaustivamente cal é a situación da organización”, manifestou a deputada popular, quen concretou que a recollida de datos, opinións e suxestións permitirá “ter unha visión máis real da situación e introducir no plan medidas máis acaídas aos intereses e necesidades dos traballadores e traballadoras”.
Así mesmo, asegurou que “o principio de igualdade se aplica plenamente conforme á lexislación autonómica, ao tempo que só durante o pasado ano 3.700 traballadores e traballadoras recibiron formación específica en materia de igualdade”. Tamén destacou as medidas de flexibilidade laboral existentes, como a prestación dos servizos de teletraballo.