Santiago, 2 de febreiro de 2022.- O deputado do Grupo Popular José Antonio Armada explicou hoxe no Parlamento galego que a creación dun novo xulgado de primeira instancia en Vigo “dependerá de que o Ministerio de Xustiza inicie a tramitación do proxecto de creación de novas unidades xudiciais e, posteriormente, de que a Comisión Mixta entre o Tribunal Superior e a Xunta considere que existen as condicións obxectivas de necesidade prioritaria para a súa creación”.
José Antonio Armada lembrou que “é o Ministerio de Xustiza o que comunica a cada comunidade autónoma o número de unidades xudiciais que se poden constituír en cada territorio nun determinado exercicio orzamentario”. “Deste xeito, ata que o Ministerio indique cantos xulgados se poderán crear en Galicia, a Comisión Mixta non se reunirá para pronunciarse sobre cales son as necesidades máis perentorias en que debe traducirse a creación na próxima programación”, engadiu.
“A proposta que se fai desde a Xunta é consensuada co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na Comisión Mixta, pois consideramos importante contar co coñecemento obxectivo do máximo órgano do poder xudicial respecto das necesidades prioritarias neste ámbito na Comunidade galega”, sinalou o deputado popular.
DESCENSO DA CARGA DE TRABALLO
Así mesmo, Armada explicou que a carga de traballo nos xulgados de primeira instancia de Vigo “veuse incrementada nos últimos anos por mor de que o Consello Xeral do Poder Xudicial decidiu que un dos xulgados desta cidade coñecese de todas as demandas sobre cláusulas chan de toda a provincia”.
“Esta situación de exclusividade variou desde comezos deste ano, xa que agora as demandas de cláusulas chan da provincia de Pontevedra xa non recaen unicamente neste xulgado de Vigo, senón que poden presentarse ante os 45 xulgados de primeira instancia ou de primeira instancia e instrución de toda a provincia”, manifestou.