Santiago, 20 de xuño de 2017.- A portavoz de Comercio do Grupo Popular, Cristina Romero, sinalou esta mañá no Parlamento que o Goberno galego “está elaborando un plan de relevo xeracional para os autónomos galegos, enmarcado na Estratexia Autónomo 2020, co obxectivo de fomentar a continuidade dos negocios e favorecer a integración da mocidade”. “O obxectivo é a continuidade de todos aqueles negocios que sexan viables e o seu crecemento”, apuntou.
Cristina Romero amosou o recoñecemento do PPdeG “a todos e todas os traballadores autónomos que, con menos dereitos que o resto dos traballadores, arríscanse a perder o seu patrimonio, a súa vivenda e os seus aforros para sacar adiante un proxecto de vida”.
MÁIS INICIATIVAS
“Por este motivo, incluso no medio da máis profunda crise económica que nos tocou xestionar, o Goberno do Partido Popular levou a cabo máis iniciativas para os autónomos que calquera outro goberno en todo o período democrático”, subliñou.
En concreto, explicou que en Galicia “xa está activada a Estratexia Autónomo 2020, dotada con 160 millóns de euros para os próximos catro anos e que ten como obxectivo incorporar novas persoas e fortalecer o emprego autónomo existente a través de axudas, servizos e espazos para o traballo colaborativo; facilitar mellores condicións de traballo a través do apoio á conciliación, o coidado da saúde e a prevención de riscos; e simplificar a interacción co colectivo autónomo, a través das novas tecnoloxías”.
“Galicia é a comunidade que máis apoio ofrece aos autónomos e seguirá sendo así xa que o Goberno galego marcouse o obxectivo de apoiar directamente a 40.000 traballadores ata o ano 2020”, subliñou a portavoz popular.
AXUDAS
Neste sentido, indicou que a Xunta convocou axudas por 20 millóns de euros para que os traballadores poden establecerse como autónomos e para a contratación indefinida de traballadores, ás que se suma outra convocatoria de subvencións para apoiar aos autónomos que constitúan pequenas empresas por valor de dous millóns de euros, prestando especial atención ás que se implanten no rural.
“Hoxe temos menos autónomos que actúan como persoas físicas, que traballan como asalariados e con 55 anos ou máis, fronte á situación durante o anterior Goberno bipartito cando Galicia perdeu máis de 7.500 afiliacións ao réxime especial de traballadores autónomos”, manifestou Romero.