Santiago, 18 de novembro de 2019.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, afirmou hoxe no Pleno que “todas as reformas que se fan a través da lei de medidas fiscais e administrativas foron explicadas á cidadanía, algunhas mesmo no Debate sobre o Estado da Autonomía, como é a gratuidade da atención educativa nas escolas infantís de 0 a 3 anos para os segundos fillos e sucesivos”.
Paula Prado explicou que a consulta previa pública deste proxecto de lei “non resulta preceptiva cando se regulan aspectos parciais dunha materia”, ao tempo que “tampouco é preciso o informe do Consello Económico e Social, xa que non estamos ante unha norma de regulación completa dunha materia socioeconómica directamente vinculada ao desenvolvemento económico e social de Galicia”.
Así mesmo, a viceportavoz popular manifestou que “o que sucede é que unha vez que se comeza a aplicar a normativa aprobada xorden eivas que só se detectan na práctica e que fan necesaria a súa modificación a través deste proxecto de lei de medidas fiscais e administrativas para evitar problemas á cidadanía ou a outras administracións”.
“É unha lei ordinaria que respecta a doutrina do Tribunal Constitucional”, asegurou Paula Prado, quen puxo como exemplo a Comunidade Valenciana “que este ano presentou a lei de acompañamento aos orzamentos ao tempo que dicía que ía prorrogar as contas”.